Visita da A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís,  acompañados polo Alcalde do Concello de Arbo Horacio Gil,  supervisou hoxe o resultado das actuacións que veñen de rematar

 

A conselleira avanza que antes do verán se licitarán as obras das actuacións máis prioritarias para solucionar a mellora do abastecemento pendente desde hai anos en Arbo

Arbo (Pontevedra), 21 de xaneiro de 2019.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou hoxe a mellora de seguridade viaria executada na estrada Salvaterra- Filgueira (PO-400), cun investimento de 180.000 euros, que xa está a facilitar a mobilidade dos veciños da contorna.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, explicou que esta actuación, xa finalizada, consistiu na mellora da seguridade nas interseccións coas estradas provinciais que acceden aos lugares do Couto, Paravedra e Abelenda na marxe esquerda da PO-400, e Vila e Almuíña na dereita.

No marco deste proxecto tamén se acondicionaron dúas paradas de autobús cun pequeno tramo de beirarrúa, a sinalización dun paso de peóns e a instalación de alumeado. Ademais complementouse a actuación con afirmado, drenaxe e sinalización.

Unha solución viable para a mellora do abastecemento

Doutra banda, a conselleira informou de que na xuntanza previa abordou co alcalde de Arbo o plan en marcha para acadar a mellora do abastecemento na localidade a través dunha alternativa viable.

Despois de anos de dificultades económicas, administrativas e de falta de consenso social, definiuse unha alternativa viable, por fases, que establece como actuación prioritaria e inmediata a mellora da captación e optimización do funcionamento do sistema de bombeos e depósitos.

Ethel Vázquez informou de que Augas de Galicia está xa a redactar un proxecto, que estará rematado no mes de abril, que permitirá iniciar a contratación das obras antes do verán, mentres se avanza nos documentos técnicos das actuacións complementarias.

O Alcalde do Concello de Arbo, manifestou o seu agradecemento a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, e o  delegado territorial da Xunta en Pontevedra, polo interese nos temas relacionados co Concello de Arbo e os compromisos adquiridos por a Conselleira Ethel Vázquez que supoñen moitas melloras para os veciños e veciñas de Arbo. 

 


© Concello de Arbo

Plaza Consistorio, 1, 36430 Arbo, Pontevedra

Teléfono contacto: 986 665 000 Fax: 986 665 011