Festa da augardente

A FESTA DA AUGARDENTE DO CONDADO, MADUREZ FESTIVA, SOLVENCIA E ORGULLO DUNHA CELEBRACIÓN VETERANA DA PARROQUIA DE SELA.

                                      Por Agapito Valado

En tódalas parroquias da Galicia festeira e lúdica, ademáis da celebración das festas na honra do santo patrón, loanse -desde tempos inmemoriais- outras adicadas a santos que, debido a súas peculiares advocacións, superaron con creces ás dos que por tradición lles corrreponde a titularidade parroquial.  Casos próximos e coñecidos son os de Santa Marta que superou en fervor a San Xosé, santo patrón dun dos Ribartemes ou incluso San Brais en Cabeiras que minimiza o culto a San Sebastián.

A partir da segunda metade do século pasado xurden, en paralelo ás festas patronaise e doutros santos procesionais, celebracións de contido totalmente oposto; son as de ensalzamento dos produtos típicos de cada lugar: as festas gastronómicas que a estas alturas superan as do santoral, non habendo concello, parroquia, aldea ou barrio que non resalte de xeito festivo algún aspecto da súa peculiar gastronomía, costume ou tradición. Ningún produto queda esquecido, desde o mar á horta, dos ríos ós montes ou ós animais domésticos, especialmente o porco, i este último con festas adicadas a cada unha das súas partes, i en moitos casos varias festas en diferentes lugares adicados á mesma parte do tan codiciado- gastronómicamente falando- animal.

No concello de Arbo, como non podía ser doutro xeito, surxiron tamén festas gastrónomicas, sobresaíndo sobre todas elas a Festa da Lamprea que se celebra cada terceiro domingo de abril na capital do Concello e que nesta edición acada o seu número LVII, converténdose nunha das festas máis veteranas do panorama festivo gastrónomico da comunidade autónoma. Engádese a esta celebración dende fai uns anos unha segunda festa deste produto adicada ás variedades elaboradas a partir da lamprea seca e afumada. Ademáis, Barcela celebra, polos derradeiros días de outubro, a festa do Cristo das Castañas, i en Sela arredor do día doce do mesmo mes a festa da Colleita. Tamén en Sela ten lugar a festa da augardente de condado -da que vou tratar neste escrito- que comezou a súa andaina no panorama festivo no mes de Agosto de 1972 co propósito de ensalzar un dos licores máis prezados da nosa terra que ademáis do seu consumo individual serve como base para a preparación doutros licores como o de café, o de herbas etc, ou en tempos pasados para encabezar os viños de baixa graduación.

Pois ben, alá pola primaveira daquel xa lonxano ano de 1972, os veciños dos barrios da Granxa e de Rozas, na parroquia de Sela, comandados polo carismático e popular Manuel Rodríguez Alonso “Martiño”, secundado polos irmáns Manuel e Alejandro Casas Fernández e por Ignacio Martínez Fernández, comezan a teimar nun proxecto de festa a celebrar no torreiro das Portelas, a carón do grupo escolar, que por aquela aínda estaba colmado de cativos que acudían a escola de Don Antonio Carpintero. O torreiro das Portelas, unha vez construidas as vivendas e o edificio que albergaba as dúas aulas de ensino, foi achandado para campo de xogos e serviu o mesmo tempo para trasladar a úneca festa que ata o momento se celebraba na Granxa: o San Estevo, “santo pufano”, como lle chamaban os veciños, en troques de profano, por ser o santo da parroquia que tiña o altar nunha casa particular e non na igrexa parroquial como os demais. A festa deste santo celebrábase no lugar denominado O Pasatempo, unha eira comunitaria situada a medio camiño entre a estación de tren e as Escolas e tiña a súa data de romería no día despois do de natal: o 26 de decembro..

E así, coa chama da ilusión encendida por este equipo emprendedor e coa inestimable axuda de tódolos veciños dos dous barrios do oeste da parroquia de Sela comezaba o 20 de agosto de 1972 a Iª edición da festa da augardente do Condado, preparada con todo luxo de detalles: o reparto da parva con pan de millo pola mañán, a queimada a media noite e boa música de mellores orquestas ata a madrugada.

Tralo éxito daquela primeira aventura- experiencia e vendo a boa acollida que o evento tivo entre veciños e visitantes, escollendo unha data na que nos arredores non se celebraban festas, pois quedaba un oco na fin de semana entre as festas de Vide na honra de Santa María e San Roque, coñecidas popularmente entre a veciñanza como o “Quince de Vide” e a Festa de Santa Isabel que se celebraba nos outros dous barrios da parroquia de Sela (Eidos de Abaixo e Eidos de Arriba). Ilusionáronse os promotores con máis motivación -se cabe- pola boa recaudación que lograron nesta primeira edición con importantes achegas económicas dos veciños deses dous barrios e sobre todo dos emigrados. Lembremos que por aquel ano 1972 eran moitos emigrados sobre todo a Suiza e Alemania, países nos que os ingresos salariais eran elevados comparados coa situación económica do noso país por aqueles anos de finais do franquismo. Tamén tivo importancia para días despois de rematada a festa volver a teimar coa súa continuidade o feito de que as cantinas montadas arredor do torreiro produxeron bos beneficios, xa que a sede dos asistentes tiña que ser apagada en ditos despachos de bebidas, pois o bar máis próximo atópase a máis de trescentos metros.

A popularidade da Iª festa en toda a contorna veu motivado por un feito moi especial e que é motivo revelante de traer a estas páxinas: a medianoite do día grande da festa que sempre cadra en domingo celébrase a popular queimada servida na tradicional taciña de barro serigrafiada e conmemorativa da festa que fai as ledicias dos centos de visitantes e veciños. Un conxuro para afastar bruxas, meigas e demos sirve para que os degustadores do licor participen en fratenal convite den tan prezado néctar e escorrenten os malos espíritus das súas vidas.

En 1973, con ainda mis participación vecinal celébrase a II edición, organizada con máis tempo e pulindo aspectos que na primeira, pola premura, puideron quedar un pouco no aire. Para esa edición mellórase o cartel de orquestas e celébranse dous días de festa, vísperas no sábado e día grande no domingo. Os veciños dos barrios de A Granxa e Rozas asúmen  a festa como a súa festa maior, tal si fose a do Santo patrón, e no día grande convídase a amigos e parentes i en cada casa degústase un exquisito xantar no que non faltan os mellores galos, cabritos e años estofados regados co viño de retinto e espadeiro da veiga de Sela.

Durante os seguintes anos da década dos setenta afianzase a festa e vaise estendendo e asumindo como festa de toda a parroquia de Sela ante a reticencia inicial dos veciños do outro lado do regueiro (Eidos de Abaixo, de Arriba e Valiñas) que inicialmente estaban un pouco resentidos pola celebración desta festa lonxe do torreiro habitual onde ata o daquela se celebraban todas as festas da parroquia agás o San Estevo: na Praza. Este feito impulsa ainda máis a festa e dalle pulo os organizadores para seguir insitindo ano tras ano na súa celebración.

Consolidada a festa durante os derraderios anos da década dos setenta, pouco a pouco vanse incorporando a organización os mozos e veciños dos barrios da Granxa e de Rozas que van colaborando en todo canto lle pide o equipo organizador, que segue a estar comandado polo incansable Martiño e secundado polos irmáns Fernández Casas e por Ignacio Martínez, que baixo a súa reponsabilidade tutelan o bo  funcionamento do evento tanto no aspecto lúdico, contratando as mellores orquestras e bandas de Galicia, como no económico, logrando en cada unha superávit que fai que nos anos oitenta compren montes lindeiros co torreiro das Portelas e amplíen o campo da festa. Actualmente a parroquia goza dunha excelente carballeira como lugar de lecer na humanización destes montes comprados daquela.

Na década dos oitenta continua o bo funcionamento do entramado que monta cada terceiro domingo de agosto a festa do augardente. Incorpóranse a dirección da mesma outras persoas como Ramón González Rodríguez que axuda a dar un impulso forte a festa e van relevando en función os catro fundadores. A mediados da década falece Ignacio Martínez, perda importante para a dirección da festa que é suplida coa chegada de novas camadas que con ilusión e tesón proporcionan aire xove e novos xeitos a organización.

En 1990 a Deputación de Pontevedra, rexida daquela polo canicense Cesar Mera, e a proposta  do concello de Arbo presidido por Hermenegildo Rivero “Chicho”, erixe o monumento o augardenteiro que é inaugurado na festa dese ano. Este monumento composto por un pote coa súa vacía e balde en granito é unha homenaxe ós poteiros do Condado, alquimistas do ouro líquido branco que quentou corpos magros en tantas mañáns de escaseza. Os poteiros traballaban sen descanso moitos días e moitas noites, despois da colleita, elaborando a partir do bagazo o licor para os veciños. Houbo augardenteiros de sona na parroquia e sobresaiu sen ninguna dubida o popular Antonio Durán  “O Mariola” que herdado o pote do seu sogro adicou moitos anos da súa vida a transformar os fedellos de uva  en exquisito licor polos cubertos da parroquia de Sela e outras dos arredores. Ó Mariola tributouselle unha homenaxe popular na festa da Colleita do ano 1998, pouco tempo antes do seu falecimento.

Nesta década dos 90 vanse incorporando camadas novas de mozos da Granxa e Rozas a organización da festa do augardente e esta vai ampliando o seu recoñecemento non só en toda a contorna senon traspasando os límites desta e vaise enchendoo amplo torreiro ano tras ano para disfrutar das actuacións magníficas das boas orquestas que a a comisión organizadora contrata. Polo torreiro das Portelas pasaron grupos da talla de América S.L., a orquesta Compostela, Paris de Noia, Gran Casino e a actuación estelar da estrela hispano-brasileira e sex simbol do momento, Regina dos Santos, que provocou olladas de lascivia en máis dun asistente ó seu espectáculo festivo.

Coa xubilación dos fundadores da festa, e o falecemento de Martiño toman o relevo as novas xeracións que naceron coa festa, e impúlsana con aire novo. Fanse cargo da comisión organizadora, como presidente Carlos Casas Camiña, fillo de Manuel Casas Fernández, un dos fundadores, e comanda un equipo no que se integran varios veciños e no que acadan cargos directivos Alfredo Tomé Iglesias e Manuel Martínez Casas e máis tarde José Manuel Martínez que lle dan continuidade a aquel proxecto comezado no ano 1972.  Diversas actividades ó marxe da festa lévanse a cabo para recadar fondos e incorporan un ritual novo na noite da queimada como é celebrala con veciños ataviados coas roupas de monxes do antergo mosteiro de San Martiño que existiu no  lugar do mesmo nome na parroquia.

E así, ata os días 19 e 20 de agosto deste ano no que se celebrará a edición XLVIII desta tan recoñecida festa de ámbito comarcal que leva o nome de Sela e de Arbo por todos os lugares de Galicia, e que naceu no xa tan lonxano ano de 1972 do maxín de catro homes, que coa súa ilusión, fixeron agromar un evento que hoxe goza dunha serena e sóbria madurez.

Mil agostos máis para a Festa da Augardente do Condado.

 

*fotos cedidas pola Comisión de Festas da augardente de Sela.

Festa Colleita

 

A Festa da Colleita é una vella tradición que se remonta á década dos anos 70 do pasado seculo. Segundo os máis vellos da parroquia comezou no ano 1972 coa finalidade de ofrecer como agradecemento a Santa Isabel e San Martín os productos da colleita do outono.

Os participantes son veciños e veciñas da parroquia de Sela, que pouco a pouco, e co transcurso dos anos, foron sumando participantes de toda a vila de Arbo, doutros concellos limítrofes e do país veciño, Portugal.

A celebración xira en torno aos froitos propios da terra cultivados polos campesiños. Durante o oficio relixioso e a procesión, ocupan un lugar destacado as medas de palla, as espigas de millo e as cabazas colocadas nas paiozas, a augardente e outros licores propios, en clara alusión ao ambiente rural e tradicional que se pretende evocar. Durante toda a xornada un augardenteiro destila bagazo que ofrece aos visitantes, xunto con postres caseiros e viño novo, mentres desfrutamos do desfile de tractores, que substitúen aos carros de bois dos primeiros anos, adornados polos lugareños para facer un percorrido pola parroquia e dar así a benvida aooutono.

“A colleita” é un evento onde a veciñanza participa unida para amosar que Sela é unha parroquia singular, ao igual que a súa Festa, única en toda a comarca do Condado-Paradanta.

 

FOTOS E TEXTO: ASOCIACIÓN VIRXE DO CARME DE SELA

 

Belen Vivente de Cabeiras

Hai 34 anos os veciños da Parroquia de Cabeiras, quixeron celebrar o Nadal neste fermoso rincón de Galicia dun xeito diferente, ofrecéndolle ao Neno Xesus o mellor que tiñan, o seu traballo e o seu peculiar modo de contemplar e revivir aqueles acontecementos que tiveron lugar en Jerusalén e que marcaron a historia da humanidade.

A Asociación Os Muiños de Cabeiras, trinta e catro anos despois, sigue a traballar, con moita ilusión, para ofrecer a todos os veciños de Arbo e a todos os os visitantes que acoden durante os días de Nadal, unha recreación da pequena aldea de Belén.

Xunto ao tradicional pesebre, neste Belén Vivente no que participan máis de 30 nenos de todo o concello e incluso algún do país veciño, inclúense numerosas escenas, animais, unha lavandeira tendendo cueiros, un agricultor atando unha viña, unha muller afumando chourizos e xamón, un pescador….

O Belén Vivente de Cabeiras está consolidado como o motivo navideño por excelencia do Sur da provincia de Pontevedra. 

 

Fotos e textos: Asociación Cultural Os Muiños de Cabeiras 


© Concello de Arbo

Plaza Consistorio, 1, 36430 Arbo, Pontevedra

Teléfono contacto: 986 665 000 Fax: 986 665 011