Visita da Directora Xeral da Administración Local e do Delegado da Xunta
A XUNTA E O CONCELLO DE ARBO COLABORAN NA MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS VIARIAS
- A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitaron esta mañá o concello
Arbo (Pontevedra), 2 de outubro de 2019. A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou hoxe o concello de Arbo acompañados polo seu alcalde, Horacio Gil, onde ambas administracións colaboraron na mellora de varias infraestruturas viarias
Durante a súa visita, Marta Fernández-Tapias, destacou a importancia da colaboración entre a Administración autonómica e a local, que é a mellor coñecedora das necesidades e da veciñanza, xa que os concellos galegos levan a cabo actuacións que repercuten en melloras directas para o día a día dos cidadáns.
A Xunta e o concello de Arbo colaboraron o ano pasado nun proxecto para a mellora da pavimentación de dous camiños públicos municipais nos núcleos de O Couto e Almuíña co obxectivo de rexenerar a rodadura de ambas estradas. Os traballos incluíron o desbroce e a limpeza dos dous camiños. No caso do camiño do Couto tamén se retiraron as raíces das árbores que deterioran o seu firme. Con esta actuación mellorouse o servizo aos usuarios que transitan por estas vías, tanto vehículos como peóns, e quedaron rematadas as conexións coa actual rede viaria de Arbo conseguindo un conxunto interconectado.