Modificación ordenanza do lixo
O CONCELLO DE ARBO REBAIXARÁ UN 10% O RECIBO DO LIXO
- O Concello de Arbo impulsa unha bonificación do 10% para todos os veciños e veciñas de Arbo no recibo do lixo
- O Pleno do Concello de Arbo, aprobaba no día de hoxe, á Proposta da Alcaldía a modificación da Ordenanza Fiscal Reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida de lixo para trasladar aos usuarios do servizo o aforro obtido polo Concello coa aplicación da bonificación do 10% no canon unitario de tratamento de residuos urbanos de SOGAMA
En febrero do ano 2019 o Alcalde do Concello de Arbo solicitaba a aplicación de dita bonificación declarando asumir o compromiso de adoptar as medidas para trasladar, con efectos económicos, o importe equivalente ao da devandita bonificación ás persoas beneficiarias do servizo e de procurar unha redución de residuos medíante o mantemento ou a aprobación de novas medidas que fomenten a recollida selectiva, orientadas á prevención e redución da produción de lixo convencional ou ao fomento da reciclaxe dos envases lixeiros.
Con esta bonificación o Concello obtivo un aforro no canon a aboar a SOGAMA polas toneladas entregadas polo servizo municipal durante o ano 2019, aforro que se obterá tamén durante o 2020, e que se pretende trasladar aos usuarios do servizo a través dos recibos da taxa pola prestación do servizo de recollida de lixo emitidos durante o ano 2020, buscando así repercutir directamente dita bonificación no canon unitario nas persoas usuarias e beneficiarias do servizo.
O alcalde do Concello de Arbo, destaca que esta modificación suporá un aforro no pago do lixo é farase efectiva nos vindeiros recibos. “Non é a primeira ordenanza que este goberno modifica facendoa máis ventaxosa para os arbenses - así o traslada o rexedor Horacio Gil que asegura o seu compromiso cos veciños e veciñas de Arbo– “nos últimos anos dende a chegada deste goberno, modificouse a ordenanza da auga, piscinas municipais, I.C.I.O sempre pensando na economía, na creación de emprego e no benestar dos habitantes deste municipio “
Horacio Gil, prosigue: “con estas medidas tamén se pretende reducir a cantidade de lixo que se bota ao colector xenérico, e promover a reciclaxe. Deste xeito darase un paso máis no compromiso de respectar ao medio ambiente e na concienciación municipal con respecto á importancia de actuar para reducir o volume de residuos que se xeran na actualidade”.