Queridos veciños e veciñas de Arbo:
Nestes tempos complicados pola grave crise sanitaria que atravesa España, Galicia e Arbo a causa da pandemia do coronavirus COVID-19, como alcalde e veciño, quero expresarvos o meu orgullo pola resposta que estades a dar ante as severas medidas adoptadas polas autoridades sanitarias, pola Xunta de Galicia e polo Goberno de España, medidas moi duras para vos e para mín.
Estamos a dar exemplo de organización e de cumprimento estrito de cada orde que recibimos, actuando con lealdade e seguindo as medidas de prevención precisas coa finalidade de conter a propagación do virus e tratar de minimizar as afeccións no noso municipio. Para elo debemos seguir cumprir do estritamente as recomendacións, evitando ao máximo saír dos nosos domicilios. Entre todos podemos conseguir que este virus non se propague na nosa area de influencia.
Estamos nun momento excepcional para demostrar, unha vez máis, a madurez como sociedade e a responsabilidade como individuos a favor do interese xeral, da solidariedade e da unidade.
Quero agradecer sinceramente a todos os que durante estes difíciles momentos ofreceron e ofrecen a súa axuda, os voluntarios, ás adegas, que puxeron a disposición do Concello os seus traballadores e a maquinaria precisa para poder desinfectar e limpar as rúas, as prazas, os parques…, chegando ao máximo de núcleos de poboación, un traballo complicado, tendo en conta que Arbo é un concello rural con máis de 370 quilómetros de rede viaria e núcleos moi dispersos; ao persoal dos supermercados e tendas de alimentación, das farmacias, dos quioscos, aos panadeiros, aos carniceiros, aos transportistas, aos taxistas, ao persoal das oficinas bancarias, aos agricultores e aos adegueiros, a toda a corporación municipal, ao persoal municipal dos diferentes servizos, aos servizos sociais e do SAD que están a desenvolver as tarefas necesarias para que os colectivos máis vulnerables e as persoas maiores do noso concello dispoñan das mellores condicións e non saían das súas vivendas, facendo que para eles este confinamento sexa o máis tranquilo e o máis levadeiro posible e a todos aqueles traballadores e traballadoras de todos os sectores que conseguen co seu esforzo, responsabilidade e espírito de sacrificio, que esta crise sanitaria sexa máis soportable para todos.
Non podo deixar de mostrar o meu máis profundo agradecemento á labor desenvolvida polo persoal sanitario na súa loita por protexer e salvar as vidas de milleiros de afectados, antepoñendo sempre a saúde dos pacientes fronte á súa propia.
Tampouco quero esquecer ás forzas e corpos de seguridade do Estado e ao Exercito, que sempre están onde e cando teñen que estar, preto da cidadanía nos momentos que máis se necesitan e recordando a necesidade de cumprir as normas, que son a mellor garantía para a seguridade e benestar de todos.
O Concello de Arbo, unha vez superada a crise sanitaria valorará xunto con todos os sectores máis afectados, con toda a corporación, cantas iniciativas sexan necesarias para que dentro das posibilidades e competencias municipais, podamos axudar e dinamizar os recursos locais, para favorecer a recuperación e reactivación económica do noso concello.
Traballamos dende o primeiro momento, adoptando as medidas necesarias para axilizar ao máximo o pago aos provedores, para colaborar coa continuidade da súa actividade empresarial, tratando de minimizar os problemas de liquidez que esta crise puidéralles ocasionar e tratar de manter os postos de traballo.
Aproveito tamén, para comunicarlles a suspensión dos prazos de pago que constan no calendario fiscal do noso Concello, asemesmo quedan prorrogados os prazos de pago en voluntaria das débedas tributarias correspondentes as taxas actualmente ao cobro.
Quedan días duros nos que non podemos baixar a garda, pero estou seguro que xuntos conseguiremos vencer o virus. É unha batalla común e imos a gañala. Quédate na casa!!
O alcalde. Horacio Gil Expósito